Sunday 19 de May de 2024

Medio Ambiente habilita unha plataforma web para que a poboación participe na elaboración do catálogo das paisaxes


Trátase dunha aplicación sinxela, accesible desde a web https://sixot.es/CatalogosPaisaxe, onde calquera usuario poderá localizar os lugares que, na súa opinión, posúan un maior valor paisaxístico

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de poñer en servizo unha plataforma web que permite a calquera persoa achegar a súa opinión e coñecemento sobre a paisaxe de Galicia.

A través da web https://sixot.es/CatalogosPaisaxe a poboación pode identificar nun mapa localizacións con determinadas características. Trátase dunha aplicación sinxela, onde calquera usuario poderá localizar os lugares que, na súa opinión, posúan un maior valor paisaxístico. Cada un dos puntos introducido nesta aplicación por calquera persoa será analizado e tido en conta na elaboración final do Catálogo das Paisaxes de Galicia.

Este portal, que forma parte do programa de promoción da participación pública na elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, desenvolvido polo Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela dentro do sistema SIXOT (Sistema de Información para a Xestión e Ordenación do Territorio) ten como funcionalidade básica permitir aos usuarios a localización dos lugares de maior relevancia paisaxística en función das súas preferencias individuais. Procurouse que esta aplicación fose o máis sinxela e amigable posible, tratando ademais de facilitar a súa utilización mediante un vídeo demostrativo, dispoñible na páxina inicial, no que se amosa cómo utilizar o visor para localizar un punto de interese paisaxístico.
Nesta web pódense consultar diferentes capas de información xeográfica, destinadas tanto a facilitar a localización dunha área xeográfica concreta (límites administrativos, áreas e comarcas paisaxísticas, estradas, ferrocarril, entidades de poboación, fotografía aérea e mapa topográfico), como a informar sobre os posibles elementos de interese para a paisaxe (tipo de paisaxe, elementos patrimoniais, espazos naturais, miradoiros e lugares preseleccionados polos técnicos).
Ademais, en cada un dos módulos dispoñibles na web (Lugares, Valores e Áreas degradadas) existe unha capa xeográfica na que o cidadán pode engadir información relacionada coa temática do módulo correspondente. É dicir, no módulo de Lugares os usuarios poden debuxar un punto nos lugares que consideran que posúen un maior valor paisaxístico e escribir un comentario relativo ao motivo ou ás características polas que identifican esa localización como de importancia paisaxística. No módulo de Valores os cidadáns poden localizar puntos en lugares que posúan certos tipos de valores ou características relevantes. Para iso, os usuarios deben localizar no mapa o punto, seleccionar o tipo de valor nunha lista despregable e engadir un comentario sobre os motivos da elección dese lugar. No módulo de áreas degradadas pídese aos usuarios que localicen puntos en lugares con alteracións ou impactos que afectan de forma relevante á paisaxe.
Os participantes poden colocar tantos puntos como consideren necesarios para expresar as súas preferencias e opinións ao longo dos meses de Setembro e Outubro, nos que estará dispoñible o portal.

Obradoiro práctico das Pontes
O proceso de participación pública do Catálogo das paisaxes de Galicia deu comezo este xoves en Santiago de Compostela co primeiro dos obradoiros prácticos previstos ata o 31 de outubro e que hoxe, sábado, desenvólvese no concello das Pontes, na casa Dopeso, coa asistencia da directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé. Trátase dunha xornada de traballo pensada para que tanto axentes convidados polo seu coñecemento, como calquera persoa que o desexe, poidan facer as súas achegas para acadar unha mellor xestión e protección da área paisaxística na que se atope.

O catálogo, que formará parte do Atlas das Paisaxes de Galicia, identificará e caracterizará os valores e as potencialidades das 50 comarcas paisaxísticas do noso territorio cara a súa protección e xestión e no que tamén se integrarán as Directrices da Paisaxe, que exporán as pautas de intervención xeral en cada tipo de paisaxe identificadas e consensuadas durante o seu propio proceso de participación, así como os criterios de actuación naqueles lugares, ben de especial valor ou degradados.

A Xunta está convencida de que a través destes procesos de diálogo con expertos, administracións e cidadanía en xeral se acadará un Atlas completo debatido por todas as persoas interesadas que será o documento que Galicia necesita.
Coa realización dun taller en cada unha das 12 áreas paisaxísticas nas que se divide Galicia trátase de garantir a equidade espacial no proceso de participación, é dicir, de asegurar a posibilidade de participar á poboación de todos os ámbitos territoriais. Deste xeito, realizáranse un total de doce talleres distribuídos por toda a xeografía galega coa fin de asegurar, na medida do posible, que calquera persoa que desexa participar no proceso poda facelo.
Os talleres de participación pública inclúen a presentación e explicación do proxecto do Catálogo das Paisaxes de Galicia, a concienciación e sensibilización sobre cuestións relacionadas coa paisaxe, o debate sobre a paisaxe en Galicia e tres sesións prácticas de traballo destinadas á localización de lugares de interese paisaxístico, valores paisaxísticos e áreas degradadas
Os participantes nestes talleres comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección atlaspaisaxe.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755 / 981541756.